
OSCAR MARTINEZ MONTERO
ALUMNO DE XORNALISMO DA USC
29 de Marzo de 2012 18:00
O SÉPTIMO ARTE SOLIDARIO
O pasado Xoves 29 de Marzo, coincidindo ca folga xeral convocada en España por parte dous sindicatos maioritarios, a asociación ATEGAL desenvolveu non seu local unha nova actividade dentro do seu ciclo de actos solidarios que se levan adiante durante esta primaveira. A merenda solidaria ou a excursión para animar os enfermos do Cottolengo foron algunhas das citas anteriores, pero nesta ocasión tocou algo máis "en familia".
Baixo a supervisión da monitora Miriam,
e durante unha hora, varias das alumnas das aulas ocuparon a aula para
xogar ás películas. Estaba prevista a presenza dun membro dunha ONG,
pero a folga impediuno. Aínda así esta charla pospúxose para outro día,
de tal forma que todos os interesados poidan coñecer de primeira man os
seus actos, evolución e desenvolvemento de actividades.
Tras as presentacións e romper un pouco o xeo inicial xa que as alumnas non nos coñecían persoalmente e sempre cohibe un pouco, puxémonos mans á obra. Ana e os sete? Non, que iso é da tele! É Salvar ao soldado Ryan! E así ata que todas as alumnas pasaron pola bicaría do escenario para interpretar a súa película. Como? Hai moitas formas
de xogar a este divertido espectáculo, pero neste caso a monitora optou
por ensinar a cada actriz o nome do seu filme nun papel para que
posteriormente fixese algunha escena característica.
Dado que o panorama
cinematográfico se remataba pouco a pouco o xogo foi evolucionando cara á
psicomotricidade e a flexibilidade. A monitora facilitaba unha palabra
curta a cada alumna, que esta tiña que escribir... co seu corpo! Pode
parecer simple, pero interpretar unha "T" ten a súa complicación. E unha
"Z", mellor non falar.
Cos
sindicalistas xa recluídos nas súas casas, e a actividade finalizada,
poñemos punto e final a este ciclo solidario. Quédanos coñecer o que
pasou coa ONG, que pasos segue, pero esa charla será noutra ocasión.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

BORJA OUJO PAZ
ALUMNO DE XORNALISMO DA USC
22 de Marzo de 2012 16:30
AXUDA NO COTTOLENGO
Xoves 22 de marzo, eran as cinco da tarde cando o grupo pertencente ás Aulas Galegas da Terceira Idade chamaban ao timbre do Cottonlengo do Pai Alegre en Santiago de Compostela. Todos e cada un dos membros da viaxe cun sorriso na cara e outro no corazón dispostos á axudar aos menos favorecidos. O Cottolengo do Pai Alegre é unha asociación relixiosa que se encarga de coidar a mulleres discapacitadas, que precisan de coidados constantes. Esta partida de homes e mulleres solidarias encabezadas por Fátima e Miriam, chegaron ao Cottolengo coa vontade de facer pasar un bo rato ás mulleres que alí residen.
Unha vez dentro, a primeira misión dos recen chegados: encher de aire os globos. Cada un, forzando os límites da súa capacidade pulmonar, inchou tantos globos como puido, e fóronse achegando á porta do gran auditorio onte tería lugar a acción central da visita. Os voluntarios foron colocando cadeiras en círculos mentres as habitantes do Cottolengo entraban na estancia. Cando xa todo o mundo estaba colocado nos seus postos, comezou a distribución dos globos entre as residentes, cada globo que recibían era respondido cun gran sorriso que eclipsaba calquera punto negativo. Cada globo e boa palabra que recibían era correspondido cun agradecemento nunca visto ata o momento.
Os xogos comezaron e xa non había volta atrás, os globos estaban no aire, cada un botábao na medida en que podía, pero todos coa mesma ilusión. Cando a música comezou a sonar, xa non había marcha atrás, a felicidade inundaba a sala. Primeiro cun baile, no que algunhas animáronse á subir ao palco e deleitar á xente da zona baixa cuns movementos dignos de Michael Jackson nos seus mellores anos. Despois Fátima e Miriam colocaron en circulo á xente, e levaron a cabo diferentes actividades. Uns xogos que mesturaban coordinación e axilidade fixeron as delicias de todas as participantes.
Entre tanto divertimento chegaron as seis e media, e chegou a hora da despedida. Despois de recoller todo, os membros das Aulas da Terceira Idade despedíronse dos residentes do Cottolengo, cun sorriso de ter feito algo bo polos demais.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

M. CRUZ NEGREIRA
ALUMNA DE XORNALISMO DA USC
15 de Marzo de 2012 17:30
MERENDA SOLIDARIA: MERENDAR E COMPARTIR
A tarde soleada do 15 de marzo chegou moi alegre e divertida ás aulas de ATEGAL. Ás 17.30 e con rigorosa puntualidade comezaba a Merenda Solidaria, unha das actividades do ciclo de animación solidaria.
No amplo e luminoso corredor situábanse ao fondo, tras unha mesa, un grupo de rapazas con camisetas vermellas e creativos gorros de cociñeiro. Achegámonos e descubrimos que son un grupo de estudantes do colexio xesuíta San Francisco Javier. Teñen entre 15 e 16 anos pero xa forman un grupo de voluntarias que, animadas por un profesor, decidiron colaborar coa ONG Entreculturas.
Mentres unha cámara da Televisión de Galicia recolle algunhas testemuñas, comezan a chegar os máis cativos do colexio. Acompañados de pais ou avós, organízanse nunha longa ringleira e entre sorrisos avanzan cara a esperada merenda. Nunha bolsiña espéranlles uns saborosos bocadillos de chourizo ou xamón e queixo, unha botella de auga e unha froita.

Pronto sabemos que todos estes produtos foron doados e que esta xuntanza especial ten como fin a recollida de fondos para que a través de Entreculturas, se poidan construír e mellorar as escolas no Chad. Por iso cada bolsa de merenda ten un prezo de 3 euros, ademais da doazón que cada un desexe aportar.

Pouco a pouco os nenos fanse máis numerosos, a algarabía aumenta e as voluntarias convértense nun mar de movementos que intentan cobrar, repartir merendas e tamén tomar nota dos nenos que xa recolleron a súa bolsa. Falamos con elas e cóntannos que asistiu máis xente da que esperaban, e que os que asistiron deixaron patente a súa xenerosidade cos máis desfavorecidos. E por fin despois de acabar o reparto, teñen tempo para relaxarse, tras un longo día preparando o evento.
Os minutos que restan ata as seis da tarde ocúpanse con xogos no patio nos que as carreiras e o balón son os protagonistas. Tamén con conversas tranquilas e sobre todo, merendas que se comparten nesta gran familia.

“Os soños, de a pouco, vanse construíndo”
Ás seis da tarde somos conducidos ao auditorio, onde María Chao, directora do colexio San Francisco Javier, e Pablo Rodríguez, delegado de Entreculturas en Galicia, nos van explicar brevemente cómo se organizou esta merenda e para qué irán dirixidos os fondos doados. Axiña as butacas son ocupadas polas familias do colexio, e tamén por un bo número de alumnos e alumnas de ATEGAL.
María comezou dándonos a benvida a todos os asistentes. Explicou que o colexio xa leva organizando esta merenda durante cinco anos, pero que esta é a primeira vez na que participan todas as compañías xesuítas de Santiago e tamén as aulas da terceira idade. Rematou a súa presentación dicindo que “é importante que os nenos aprendan a ser solidarios, saquen eses tres euros do seu peto e saiban que con iso poden axudar a outras persoas”.
Logo, Pablo Rodríguez lévanos ata o Chad. Explícanos que a situación é crítica, máis se nos referimos á educación. O 61,9% da poboación vive por debaixo do umbral da pobreza e a alfabetización en adultos é dun 32,7% para os homes e dun 21,9% para as mulleres. Cóntanos tamén que malia que a educación pública é gratuíta e a ensinanza básica obrigatoria, o goberno só destina un 10% do seu presuposto para este fin, polo que os pais deben soportar o custe.
Por iso Fe y Alegría, organización de Entreculturas, comezou a traballar no 2007 na zona. O primeiro que se fixo foi construír pozos e bancos de cereais. Logo procedeuse á formación de docentes e mestres e tamén á sensibilización dos pais e nais.Hoxe, estase a realizar a mellora das infraestruturas das escolas comunitarias (creadas e coordinadas pola comunidade) de Dongom Bidio e Gourbiti, que beneficiarán a 409 alumnos, 9 mestres e 256 pais e nais.
Pablo remata a súa intervención sinalando que “a clave do éxito do proxecto pasa por que a comunidade se implique”. Deste xeito, os pais do Chad colaboran de forma voluntaria na construción das escolas e de todo o que sexa necesario, porque son eles os que queren e loitan por unha boa educación dos seus fillos. Pero asegura que “aínda queda moito por facer. O diñeiro chega, o diñeiro é necesario e o diñeiro é útil. Seguímosvos necesitando porque os soños, de a pouco, vanse construíndo”.
E con este espírito solidario remata a merenda. Son as 18.30 e segue a lucir o sol. E tras unha hora moi intensa e entretida, regresamos á nosa actividade nas aulas.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

JESSICA MENDEZ
ALUMNA DE XORNALISMO DA USC
1 de Marzo de 2012 18:00
O VOLUNTARIADO VICENCIANO: CHARLA NA SEDE DAS AULAS DA TERCEIRA IDADE EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
Os perfís que acoden ás aulas de Ategal son diversos, grazas a isto, xuntos constrúen unha especie de segundo fogar no que se respira alegría e vitalidade. Bo exemplo supóñeno Aurora Soler, Carmiña Pensado e Mª Cruz Mato, as tres son alumnas do centro e colaboran voluntariamente –e, polo tanto, sen remuneración- na Asociación da Caridade San Vicente de Paul (Voluntariado Vicenciano).
A Asociación da Caridade San Vicente Paul adícase, principalmente, á axuda dos máis desfavorecidos; acollen, así, a aqueles que se atopan en situación de pobreza, tanto material como física ou social, sen discriminación política, relixiosa, de raza, lingua, etc.
A sede situada na capital galega atópase na rúa García Prieto, dende alí, cinco voluntarias – entre as que destacamos ás alumnas do centro Ategal- axudan ás persoas que carecen, como ben dixemos, de recursos económicos para salvagardar as súas necesidades vitais, atendendo, asimesmo, ás súas debilidades sociais -debidas a insuficientes ingresos, desempregos, problemas de saúde, minusvalías, violencia de xénero...-
As actividades que desenvolven no seo desta asociación, que xa vai camiño de celebrar o seu 350º aniversario, as nosas protagonistas agrúpanse en:
- Un programa de reparto gratuito de alimentos (SAC), baseado no reparto mensual de bolsas de alimentos procedentes do Banco de Alimentos Rías Altas (BARIAL).
- Un programa de reparto gratuito de roupa, no cal se lle entrega roupa nova ou en bo estado a aqueles cuxa precariedade económica así o require. O material procede de comercios e doadores individuais.
- Atención aos necesitados económica ou socialmente, isto é, aquelas familias desestructuradas, inmigrantes ou mulleres en situación de marxinación social, principalmente, reciben apoio na procura de traballo, axuda económica e apoio moral.
Pois ben, con motivo de abrir ao mundo tan nobre iniciativa, o pasado xoves 1 de marzo, Aurora, Carmiña e Mª CRuz ofreceron unha charla-coloquio aberta ao público nunha das aulas do centro sociocultural. Durante este pequeno seminario, as voluntarias explicaron detalladamente as súas labores e actividades de voluntariado, desenvolvendo amplamente o funcionamento da asociación e respostando ás cuestións dos presentes. Apoiadas por unha sinxela presentación de diapositivas, as nosas voluntarias deron unha lección non só práctica senón tamén moral sobre o reconfortante da acción desinteresada.
